xTool O1 Omni UV-DT: a das camisetas, e por que DTG non é dar a imprimir

A versión UV-DT da xTool O1 Omni é a que amosa camisetas nos vídeos, e por iso é a que máis entusiasmo xera e a que máis malentendidos arrastra. Imos poñelo en orde.

Enlaces de afiliado: se compras a través deles podemos levarnos unha pequena comisión, sen custo para ti. A análise é independente.

Que leva

Dous cabezais Epson F1080, pero repartidos de forma distinta á Dual UV:

  • O primeiro, tinta UV: CMYKWV. É o mesmo que levan as outras versións.
  • O segundo, tinta para tecido: CMYKWW, con dobre canal de branco.

Ese dobre branco non é un capricho: sobre prenda escura, o branco é a base que fai visible todo o demais, e é a tinta que máis se consume.

Suma ademais unha peza física que as outras non teñen: a platina para prendas de 300 × 390 mm. A cama de impresión ríxida é a mesma de sempre —330 × 122 mm a estándar, 330 × 420 mm a grande—, igual que o relevo máximo de 7 mm, o sistema de visión e a precisión.

E unha ausencia que hai que ter moi presente: esta versión non leva branco flexible. Pode imprimir sobre tecido con tinta téxtil, pero non ten a tinta UV flexible que si ten a Dual. Soa contraditorio e non o é: son dúas formas distintas de resolver «material brando», con dúas químicas distintas.

DTG non é meter a camiseta e darlle a imprimir

Esta é a parte que hai que ler dúas veces, porque é a que cambia a decisión de compra de moita xente.

Un usuario da comunidade molestouse en confirmalo con xTool e en publicalo para quen vén de novo. O fluxo real para imprimir directamente sobre unha prenda é este:

  1. Pretratar a prenda cunha solución específica.
  2. Secar e fixar ese pretratamento cunha prancha de calor.
  3. Imprimir.
  4. Curar a prenda impresa, outra vez con prancha.

E se en vez de imprimir sobre a prenda fas DTF —imprimir en film para transferilo despois—, o fluxo é: imprimir, empolvar con adhesivo, curar o po e planchar sobre a prenda.

É dicir: a impresora é un paso de catro. Necesitas prancha térmica, pretratamento e sitio para traballar con líquidos e po preto dunha máquina de precisión. Nada diso é raro para quen vén do téxtil; é unha sorpresa desagradable para quen vén do láser ou do 3D e pensaba que compraba un botón.

A solución de pretratamento e a bandexa para prendas veñen incluídas con esta versión, que é un detalle que se agradece. A prancha, non: cómpraa aparte.

Que di quen xa a usou

Unha beta tester publicou unha proba concreta e con números, que é xusto o que facía falla:

  • Impresión directa sobre tecido claro e escuro, con unha capa de branco e unha de cor.
  • Deseño duns 270 × 250 mm: .
  • Lavado en programa rápido e secadora forte: o deseño non se desvaneceu.
  • Tacto suave, «como parte do tecido», sen película nin rigidez.

Ese tacto é a proba do algodón do DTG e o resultado é bo. Pero fixa no outro número: media hora por camiseta. E a propia beta tester saca a conclusión honesta, que é a que nos parece máis valiosa de todo o que publicou: se vas producir prendas en volume, a Apparel Printer de xTool é mellor opción; a O1 Omni UV-DT ten sentido se o teu é sobre todo o material ríxido e de vez en cando cae unha camiseta, un pano ou unha toalla pequena.

Que alguén coa máquina cedida diga iso vale máis que calquera análise nosa.

Fai a conta antes de ilusionarte

Media hora por prenda son dúas camisetas por hora no mellor dos casos, sen contar pretratar, planchar e curar. Un pedido de vinte camisetas para un equipo son dez horas de máquina máis o traballo manual arredor.

Posto en diñeiro: se vendes esa camiseta a 25 € e che ocupa a impresora durante media hora, cada hora de máquina che rende 50 € menos materiais, e durante esa hora a impresora non está facendo o traballo ríxido, que é onde unha UV deste tipo gaña diñeiro de verdade e onde unha peza pode tardar catro minutos.

O razoamento non é «non compres a UV-DT». É: compra a UV-DT se o téxtil é un complemento do teu catálogo ríxido, non se pretende ser o catálogo.

Contra a Dual UV

Custan case o mesmo —cinquenta euros de diferenza, sen IVE— e a elección entre elas é a que máis xente ten atascada. A forma máis limpa de decidir que atopamos é esta pregunta:

O brando que vas imprimir, ¿é prenda ou é coiro?

Se é prenda —camisetas, sudadeiras, tote bags de algodón—, UV-DT. Se é coiro, polipiel, lenzo ou parches que se dobran pero non se lavan, Dual UV co seu branco flexible. E se son as dúas cousas a partes iguais, malas novas: non hai unha versión que faga as dúas, e non se pode cambiar despois. Toca escoller cal dos dous negocios pesa máis.

Prezos

Tenda europea, sen IVE:

Iso hai que sumarlle a prancha térmica se non a tes, e a tinta téxtil, que vai aparte da UV: o set esencial está en 79,65 €, o branco solto en 24,19 € e cada cor en 14,11 €. O branco é o que máis vas repoñer.

Resumo

É a versión máis versátil en materiais e a que máis pasos manuais engade. Fai camisetas de verdade, con bo tacto e aguantando o lavado, a media hora por unidade. Se iso encaixa coa túa forma de vender, é unha máquina estupenda. Se esperabas unha fábrica de merchandising, esa é outra máquina e xTool tamén a vende.


Escriben Noemi e Javi, de Picasita. Somos afiliados de xTool e o noso taller é espazo de demostración da marca; as nosas máquinas comprámolas pagándoas. Máis sobre este blog e a nosa relación con xTool.

0 comentarios

Dejar un comentario

Ten en cuenta que los comentarios deben aprobarse antes de que se publiquen.