Despois de uns meses cortando a diario coa P3, xa temos un caderno de parámetros que funciona. Esta é a versión pública dese caderno, e a idea é mantela viva: cada vez que domemos un material novo, entra aquí.
Unha advertencia antes de copiar nada: estes valores son un punto de partida, non unha verdade universal. Cambia o provedor da madeira e cambia todo. Fai sempre unha grella de proba nun recorte antes de meter unha táboa enteira.
Antes de nada: os presets de xTool si serven
E dicímolo porque é xusto, non por quedar ben: os parámetros que trae xTool Studio están ben plantexados e son un bo punto de partida. Non son de adorno. O que hai que entender é que precisan validación previa por dous motivos honestos:
- Nalgúns casos están calibrados para materiais da propia marca xTool, e o teu contrachapado do provedor da esquina non é exactamente ese.
- Noutros, hai factores que xTool non pode controlar desde un preset: a temperatura ambiente, a humidade, a orixe do material. Dúas táboas "iguais" de provedores distintos compórtanse distinto, e iso non é un fallo do preset, é física.
Aínda así, ter un valor de arranque preto do bo é un luxo. Para que se entenda a diferenza: en LightBurn, ante un material novo, comezas co mapa en branco e toca explorar de cero. Con Studio partes dunha referencia sensata e só axustas. Preferimos, con diferenza, axustar a inventar.
O que hai que saber antes da táboa
Os límites da máquina
- Gravado: ata 1200 mm/s.
- Corte: límite de 300 mm/s.
- Score (marcado superficial): límite de 400 mm/s.
Ese límite de corte é unha limitación de software, non de hardware. Vale a pena sabero porque explica un truco que usamos bastante: en materiais finos, cambiar a operación de cut a score dáche 100 mm/s extra e un bordo bastante menos queimado.
As tres lentes, e cal usar de verdade
Temos as tres, e a repartición real de uso é moi desigual:
| Lente | Para que | Canto a usamos |
|---|---|---|
| S (1.5") | Gravado fino, detalle pequeno | Ocasional |
| M (2.0") | Todo o demais | A inmensa maioría das veces |
| L (2.5") | Corte de material groso | Apenas estreada |
Se estás decidindo se mercar o xogo completo de lentes, esta é a nosa experiencia honesta: a M que vén de serie servirache para case todo. A S ten sentido se fas detalle moi fino de forma habitual. A L só se cortas material groso a miúdo, e nós usámola tan pouco que non podemos darte parámetros propios con ela.
Enlace de afiliado: se compras a través del podemos levarnos unha pequena comisión, sen custo para ti. A análise é independente.
O air assist é global, non por capa
Detalle de software que convén ter presente porque afecta aos parámetros: o air assist configúrase para todo o traballo, non material por material nin capa por capa. Está nos axustes do dispositivo.
Isto importa sobre todo co acrílico, onde o aire de máis empeora o resultado: se vas cortar acrílico, tes que ir aos axustes da máquina a desactivalo, e acordarte de volver a activalo despois. Non hai perfil que o faga por ti.
A táboa
Contrachapado — o noso material principal
| Material | Lente | Potencia | Velocidade | Air assist | Notas |
|---|---|---|---|---|---|
| Contrachapado (produción) | M | 90 % | 30–50 mm/s | Baixo | O noso axuste diario. Corta perfectamente a unha pasada |
| Contrachapado 3 mm | M | 40 % | 10 mm/s | — | Reduce o chamuscado, non o elimina. Moi lento |
| Contrachapado 6 mm apto para láser | M | — | 40 mm/s | — | Dato da comunidade |
| Contrachapado 6 mm de bricolaxe | M | — | 12 mm/s | — | A cola é o que che frea. Máis de 3× máis lento |
| Madeira maciza 3 mm | M | 80 % | 25 mm/s | — | Ollo á asimetría esquerda-dereita da máquina |
A conclusión máis rendible de toda esta táboa está na comparación das dúas filas centrais: o mesmo grosor tarda tres veces máis se a cola non é apta para láser. Está desenvolvido no artigo do chamuscado.
Con estes axustes saen as placas de madeira gravada e boa parte dos detalles de voda que vendemos, que é de onde sae a maioría das nosas horas de máquina.
Acrílico
| Material | Lente | Potencia | Velocidade | Air assist | Notas |
|---|---|---|---|---|---|
| Acrílico colado 25 mm | L | 100 % | 1 mm/s | Desactivado | 1 pasada, autofoco baixado 3 mm. "É realmente o límite" para 80 W |
Este é un dato da comunidade, non noso, e inclúeo porque marca o teito da máquina: 25 mm de acrílico é o máximo que se pode esperar de 80 W, e a 1 mm/s. Se o teu traballo vive de cortar acrílico groso, esta non é a túa máquina.
Dous detalles que se repiten co acrílico: o air assist vai desactivado —o aire empeora o acabado— e é o material que máis cheiro xera ao abrir a tapa. Se traballas con purificador, déixao un par de minutos máis antes de abrir.
Materiais finos
| Material | Operación | Velocidade | Notas |
|---|---|---|---|
| Cartolina grova | Score (non cut) | 400 mm/s | Bordos claramente menos queimados que cortando a 300 |
O que non conseguimos
Grises suaves en lousa. Non é cuestión de dar co parámetro: o tubo de CO₂ ten unha potencia mínima de disparo por debaixo da cal non emite de forma estable. Iso fai imposible o degradado fino que si consegue un díodo. Existe un axuste de "potencia mínima de saída" co que se pode pelexar, pero non esperes milagres. É unha limitación do tipo de fonte, non un defecto desta máquina.
Cristal, coiro e felpudos
Ademais do contrachapado, estes son os materiais que pasan pola nosa máquina con regularidade:
- Cristal. Moito, sobre todo en tempada de verán. Aquí o rotativo RA3 cambia todo: facilitounos enormemente a vida con botellas e termos de aceiro, e é das ferramentas que máis usamos.
- Coiro. Só cando son lotes grandes. Para pezas soltas compensanos máis outro equipo.
- Felpudos. Ocasionalmente. É un material agradecido, coa pega de que xera moitísimo residuo fibroso: toca limpar despois.
Traballar cilíndricos co RA3: o que hai que saber
Como o cristal e o aceiro cilíndricos son unha parte importante do que facemos, e o RA3 ten as súas manías, vai aquí un apartado propio.
A nosa valoración é moi positiva —é unha das ferramentas que máis usamos— pero no foro de propietarios hai queixas lexítimas que convén coñecer antes de mercalo, porque case todas teñen truco:
- Non se ancla á cama. Descansa nunha cuna, sen bloqueo. A velocidade alta pode descolocalo e arruinar o gravado a media peza. Se vas rápido, comproba que non se moveu entre peza e peza.
- A medición automática de diámetro falla en dous casos concretos: cando as pinzas en T quedan aliñadas coa parte de arriba, e con botellas que teñen tapón ou rosca —mide unha polgada e queda parada—. Solucións: xirar o suxeitador, poñer o tapón, ou pasar a modo manual.
- O modo chuck é lento: uns 15 minutos por vaso, mentres que con rodillos vai bastante máis rápido. A explicación oficial é que en modo cilíndrico automático móvense tres eixes á vez. Se as superficies non quedan paralelas, o sistema pide elevalas, e ao facelo a velocidade sobe moito. Merea a pena dedicar ese minuto de axuste.
- A luz do taller afecta. Un caso documentado por outro propietario: co fluorescente acendido, o sistema non pedía a inclinación de 3° e o traballo saía a 55 minutos; apagando a luz, baixou a menos de 25. É o mesmo problema de interferencia que ten o enfoque automático.
- Nas envolturas completas, o diámetro automático queda curto entre 30 e 40 mm. Se o deseño dá a volta enteiro á peza, mídelo ti.
E o truco da comunidade que máis material aforra: envolve a peza en cinta de carrocero e fai a pasada de proba sobre a cinta. Ves o resultado, axustas e non gastas un vaso por cada iteración.
Sobre o cristal, dúas cousas que aprendemos e que non están en ningunha táboa: o acabado depende moito máis da consistencia do enfoque ao longo de toda a volta que da potencia, e por iso os axustes de paralelismo do RA3 que mencionabamos arriba non son unha manía, véxense na peza. E en cristal escuro convén probar o deseño nunha zona baixa antes de lanzalo enteiro: o contraste real cambia bastante segundo o ton do vidro.
A cama de traballo: honeycomb ou barras
Desde hai unhas semanas temos tamén panel honeycomb, e como afecta directamente ao resultado, vai aquí.
O bo: é moi cómodo para que as pezas pequenas non caian ao fondo da máquina. Cando cortas corenta pezas diminutas dunha prancha, isto só xa xustifica o accesorio.
O que hai que saber: non libra do todo dos flashbacks —esas marcas de rebote na cara inferior da peza—, así que non o compres esperando que ese problema desapareza. E os clips para suxeitar o material non son demasiado cómodos.
Na práctica alternamos entre o honeycomb e as barras metálicas segundo o traballo: honeycomb para pezas pequenas e soltas, barras para prancha grande onde a peza non vai caer a ningún sitio.
Canto tarda de verdade
Para poñer os parámetros en contexto de produción, dúas referencias que axudan a dimensionar:
- Unha prancha de uns 30 × 60 cm con unhas vinte gravacións máis os seus cortes: arredor de 40 minutos.
- Un traballo que nunha máquina de diodo de 10 W levaba tres horas, aquí resólvese en menos de media.
Esa diferenza é a que xustifica unha máquina deste prezo nun taller que produce. Non é que faga cousas imposibles: é que fai as mesmas cousas nunha fracción do tempo, e iso cambia que pedidos podes aceptar. Os encargos corporativos, que son os que chegan con cantidades grandes e data de entrega axustada, deixan de dar medo.
Como usamos esta táboa
O noso método cun material descoñecido, por se serve de plantilla:
- Buscar a fila máis parecida de arriba.
- Reixa de proba nun recorte, variando potencia e velocidade arredor dese valor.
- Empezar rápido e ir baixando, nunca ao revés.
- Anotalo. O caderno é o que converte unha máquina nun proceso.
Iremos actualizando esta páxina segundo imos domando materiais novos.
Escriben Noemi e Javi, de Picasita. Somos afiliados de xTool e o noso taller é un espazo de demostración da marca; a nosa P3 comprámola pagándoa o día que saíu á venda. Máis sobre este blog e a nosa relación con xTool.
0 comentarios