Durante xuño xTool foi soltando información da O1 Omni con conta-gotas. Despois de pedir desculpas polo atraso anunciou un calendario de cinco revelacións —os días 9, 15, 22, 24 e 29— e foilas publicando na súa comunidade.
Aquí non imos repetir o folleto. Imos coller as tres que traen información técnica utilizable e traducilas ao que significan para quen vai traballar coa máquina, non para quen a mira nunha feira.
Enlaces de afiliado: se compras a través deles podemos levarnos unha pequena comisión, sen custo para ti. A análise é independente.
O «4 en 1»: que son de verdade esas catro cousas
A primeira revelación foi o cadrado xeral: unha soa máquina para pasar de material ríxido a tecido. As catro patas son UV directo, UV DTF, DTG e DTF, e a clave está en que o modelo que fai téxtil monta un sistema de dobre cabezal: un para tinta UV e outro para tinta directa a tecido.
Isto merece unha aclaración que a marca non fai, porque á marca non lle interesa facela: esas catro siglas son catro fluxos de traballo, non catro botóns.
- UV directo: peza dentro, impresa, fóra. É o fluxo limpo.
- UV DTF: imprimes en film e transfires. Aparecen consumibles e un paso manual.
- DTG: tinta áuga sobre prenda. Necesita preparación previa e calor despois.
- DTF téxtil: imprimir, empolvar con adhesivo, curar e planchar. Catro pasos, tres deles fóra da impresora.
Que entren as catro nunha máquina é unha noticia excelente. Que as catro custen o mesmo de facer, non o é. Cando se publiquen os fluxos completos haberá que mirar cantos aparellos adicionais fan falta para cada un.
Smart Cycle 2.0: o apartado que máis nos importa
A segunda revelación vai de tinta e mantemento, e é a que máis nos fixo erguer a cella, no bo sentido. Quen vén da impresión sabe que unha impresora non se estraga imprimindo: estrágase parada. O branco sedimenta, os inxectores secan e un día volves de vacacións e a máquina non arrinca.
O que anuncian:
Axitación e circulación activa do branco. Non só remover a tinta dentro do cartucho, senón movela tamén polo circuito. O branco é a tinta con máis carga de pigmento e a primeira que se deposita; é exactamente o problema correcto a atacar.
Módulo cerámico de quentamento. Para manter a tinta a temperatura estable de traballo. Justifícano pensando en talleres fríos, garaxes e naves, que é onde de verdade vive esta clase de máquina no inverno.
Modo vacacións con líquido humectante. Para paradas longas, un sistema que substitúe a tinta por un humectante que protexe o cabezal, cun amortiguador de mantemento que conmuta entre un e outro.
Sensor de humidade e avisos na app, máis varios modos de limpeza segundo o tempo que a máquina leve parada.
Sobre o papel é a resposta correcta á queixa clásica das impresoras UV de sobremesa. Agora ben, todo isto son funcións anunciadas dunha máquina que aínda non saíu: non hai ninguén fóra da marca que volvese de tres semanas fóra e contase que se atopou ao acender. Iso é o que haberá que ver.
Actualización do 28 de xullo. Ese oco xa non está do todo baleiro. Hai beta testers publicando traballo real —camisetas a todo cor sobre tecido negro, medallas con baixorrelevo de vinte capas e verniz, lenzo, un sombreiro de feltro impreso con branco flexible— e un deles deixou a máquina parada cinco semanas por un imprevisto familiar e ao volver imprimiu igual que antes. É a primeira proba de campo do modo de repouso, e vai na dirección correcta. Segue sen ser o mesmo que un taller producindo a diario: son creadores con máquina cedida, non negocios coa conta de resultados polo medio. Pero a frase de arriba, escrita a finais de xuño, xa se quedou curta.
O ecosistema de accesorios
A cuarta revelación é o catálogo de complementos, e aquí é onde se ve para que está pensada a máquina.
Rotativo. Para cuncas, vasos térmicos, botellas, copas e latas, con previsualización en 3D para colocar o deseño antes de imprimir. Para un taller de agasallos personalizados, isto non é un accesorio: é media liña de produto.
Laminador. Pegatinas tipo crystal, foil dourado, prateado e holográfico, etiquetas e calcas. É o accesorio que converte unha impresión nun produto con acabado de marca.
Alimentador de rolo. Os números que dan son concretos: ata 15 metros de film UV DTF e ata 12 de lenzo ou vinilo. Serve para tiradas repetidas sen estar cambiando a peza a man, que é onde se vai o tempo en produción.
Bandeixa de prendas. Camisetas, tote bags, toallas, parches de tea.
A mensaxe comercial é evidente —«un deseño pode converterse nunha colección enteira»— e non está mal traído. Pero convén lelo coa calculadora ao lado: cada un deses accesorios cómprase aparte, e o orzamento real da máquina é a máquina máis o que necesites desta lista.
E xusto hoxe, os depósitos
Mentres escribiamos isto, xTool abriu os depósitos. Os datos que dá:
- Prezo de lanzamento desde 1.699 $.
- Depósito de 50 $ que desbloquea 459 $ en agasallos.
- Tinta desde 12,99 $.
O prezo da tinta é o dato que máis nos interesa dos tres, porque na impresión o consumible manda. Pero ollo co que non di ese titular: «desde» significa o cartucho máis barato, e aínda non sabemos cantos cartuchos monta cada configuración nin canto dura cada un. Un prezo por cartucho baixo con moitos cartuchos e consumo alto pode saír máis caro que o contrario.
O que segue sen estar
O 30 de xuño, e por moita revelación que houbera, estas casillas seguen baleiras:
- Que configuracións concretas se van vender e que leva cada unha.
- O prezo e a vida do cabezal. É a peza que decide a conta a dous anos e non se mencionou.
- Velocidade real por traballo, cunha peza recoñecible e un tamaño concreto.
- Pezas feitas por xente allea á marca que poidan mirarse de cerca.
Un depósito de 50 $ reembolsable é unha aposta pequena e enténdese que moita xente a faga para asegurar os agasallos de lanzamento. Nós seguimos agardando: a lista de arriba pesa máis que 459 $ en accesorios.
Escriben Noemi e Javi, de Picasita. Somos afiliados de xTool e o noso taller é espazo de demostración da marca; as nosas máquinas comprámolas pagándoas. Máis sobre este blog e a nosa relación con xTool.
0 comentarios