xTool acaba de publicar na súa comunidade un comunicado sobre a O1 Omni, a impresora UV que leva asomando desde xaneiro. O título dí casi todo: boas novas, e unha desculpa. A máquina non chega cando dixeron que chegaría.
Como nós vimos de cancelar outra impresora UV despois de medio ano de datas que se movían, este comunicado interésanos máis por como está escrito que polo que anuncia. Imos lelo despacio.
Enlaces de afiliado: se compras a través deles podemos levarnos unha pequena comisión, sen custo para ti. A análise é independente.
O que di, en curto
A data que manexaban era o segundo trimestre. A nova é xullo-agosto, e din expresamente que están facendo todo o posible para que sexa xullo. Os envíos empezarían pouco despois do lanzamento, que será na súa web.
E despois vén o interesante: catro apartados explicando en que se lles foi o tempo. Non un «estamos ultimando detalles», senón catro frontes con nome e apelidos.
1. A alineación
Din estar a desenvolver un sistema de alineación de precisión «de primeira vez no sector», pensado para ir máis aló do posicionamento por cámara ao que estamos acostumados, e engaden que esa mesma tecnoloxía debería mellorar a alineación sobre obxectos curvos co accesorio rotativo.
Recoñecen que foi a parte tecnicamente máis esixente do proxecto.
Traducido a taller: aliñar é o problema real da impresión sobre obxecto. Colocas unha peza na bandexa e a máquina ten que saber exactamente onde está e a que altura, ou a tinta cae desprazada. Se a peza é curva, ademais ten que saber como se afasta a superficie do cabezal. Calquera que intentase imprimir sobre un vaso sabe que aí é onde se perde o traballo. Que retrasasen a máquina por isto ten sentido; que o digan, máis.
2. As tintas do cabezal dobre
Confirman que a máquina usa un sistema de dobre cabezal —isto xa se sabía— e que iso abre a porta a máis opcións de tinta. O prezo desa porta é a validación: compatibilidade entre tintas, envellecemento e estabilidade a longo prazo.
Esta é a parte do comunicado que máis nos gusta, porque é a que menos vende. A tinta que funciona o primeiro día e se sedimenta ao terceiro mes é un problema que o comprador descobre tarde e só. Que unha marca diga «estamos probando como envellecen» é exactamente o que un quere ler, aínda que signifique esperar.
O que non di o comunicado, e convén non dar por feito: que tintas concretas van en cada configuración, nin cantas configuracións haberá. De momento só sabemos que hai dous cabezais e que dan xogo.
3. Print + cut cos láseres de xTool
Aquí é onde nos incorporamos da cadeira.
Din que non queren que a Omni sexa «outro aparello máis» para quen xa ten máquinas súas, e que están a desenvolver fluxos que conecten a impresora cos seus láseres: imprimir, e que o láser corte exactamente por onde toca. E dan un detalle concreto: a compatibilidade coa P3 xa está completada. Coas P2 e P2S, e coas series M, S e F, seguen probando.
O noso láser de produción é xustamente unha P3, así que somos o caso exacto que describen. E é o fluxo que máis nos interesa de toda a máquina, porque o pescozo de botella de imprimir e cortar non é imprimir nin cortar: é facer coincidir as dúas cousas. Quen aliñase a man unha chapa impresa sobre a cama do láser, buscando o rexistro con marcas de referencia, sabe canto tempo e canto material se vai por aí.
Dito isto, é unha promesa. Dilo a marca, non o vimos funcionar, e ata que non o vexamos coas nosas pezas é unha casilla pendente.
4. Os accesorios
O cuarto apartado é o máis específico, e por iso o máis creíble. Din ter atopado, probando, vibración —«jitter»— no accesorio rotativo e problemas de compatibilidade do laminador de rolo con distintas tensións de film. Recoñecen que parecen detalles pequenos pero que nun traballo real se notan, e que por iso están dedicándolles máis optimización antes de lanzar.
Un rotativo que vibra imprime dobre contorno. Un laminador que non se leva ben coa tensión do film arruga o traballo xusto ao final, cando xa gastaches tinta e tempo. Son fallos dos que, se saen á rúa, comen a reputación dunha máquina nun mes.
Por que este comunicado nos deixa tranquilos
Un retraso é un retraso, e quen tivese plans para xuño quedou sen eles. Pero comparemos.
A espera que cancelamos en xaneiro foi unha sucesión de datas novas sen explicación. Nunca soubemos que estaba a fallar, e por tanto nunca puidemos xulgar se o retraso era razoable ou se o produto estaba peor do que dicían. Cando non che dan motivos, só podes crer ou deixar de crer.
Isto é outra cousa: catro problemas concretos, dous deles pouco lucidos (envellecemento de tintas, vibración dun accesorio), unha data nova acoutada a dous meses e o compromiso de seguir publicando avances dos beta testers e mostras reais mentres tanto. Pódese estar en desacordo, pero hai algo que xulgar.
Que ademais admitan que chegan «máis tarde do que compartimos antes» e pidan desculpas por iso non arranxa o calendario de ninguén, pero marca un ton.
Que non sabemos aínda
Para que non se nos vaia a man co entusiasmo, a lista do que a día de hoxe segue en branco:
- O prezo. Nin da máquina nin da tinta.
- Que configuracións haberá e en que se diferencian.
- Que custa e canto dura o cabezal, que nunha impresora é a peza que decide se o negocio sae a conta.
- Velocidade real por peza, que é o que separa un produto de catálogo dunha demostración de feira.
- A data de verdade. Xullo-agosto é unha intención, non un albarán.
Nós seguimos sen ter posto un euro. Miramos, tomamos notas e esperamos a que haxa ficha, prezo e —sobre todo— máquinas funcionando fóra da marca. Cando iso chegue, contámolo aquí con números.
Actualización do 28 de xullo de 2026
Dous meses despois xa se pode contrastar a promesa co calendario. Resumo: non saíu en xullo.
O que si ocorreu o 16 de xullo foi o lanzamento e o pago final: ficha pública, prezos e cobro do saldo. Os envíos, non.
O dato oficial máis claro deuo o soporte de xTool o 25 de xullo, respondendo no seu subreddit a alguén que non atopaba a data de entrega do seu pedido. Textualmente: os envíos empezan en agosto e serven de forma progresiva, e a orde depende de cando se completou o pago final, o país de destino, a versión e o paquete elixidos, e a produción e inventario. Cunha advertencia que convén ler dúas veces: que os envíos empecen en agosto non significa que todos reciban a máquina á vez.
A comunidade non o termina de crer. No grupo oficial xa se fala de setembro, hai quen aposta directamente por outubro —co argumento de que iso deixa fóra a campaña de Nadal— e os pedidos da versión UV-DT que máis se citan falan de finales de outubro.
E un aviso, porque se está a repetir mal: o 15 de agosto que circula non é unha data de envío. É o último día do prezo de preventa; despois sobe. Son cousas distintas e convén non confundiras cando estás decidindo se pagar xa.
O que tamén cambiou é a nosa posición. A frase de aquí arriba —«seguimos sen ter posto un euro»— caducou: pagamos unha Dual UV Versatile e estamos na mesma cola que todo o mundo. Así que isto xa non é análise desde a barreira. O que dixemos en maio sobre ler os comunicados despacio segue valendo, e aquela conclusión —«xullo-agosto é unha intención, non un albarán»— envelleceu mellor do que nos gustaría.
Escriben Noemi e Javi, de Picasita. Somos afiliados de xTool e o noso taller é espazo de demostración da marca; as nosas máquinas comprámolas pagándoas. Máis sobre este blog e a nosa relación con xTool.
0 comentarios