Cando calculas se unha máquina como esta che sae a conta, case sempre miras o prezo da máquina. É o número grande e o que doe. Pero despois de meses de produción, o número que de verdade decide se o negocio funciona é outro: o que custa telo funcionando.
Este artigo son as cifras. Todas da tenda europea de xTool, sen IVA, tal e como estaban ao escribir isto. Os prezos cambian, así que comprobaos antes de decidir nada; o que non cambia é a estrutura de custos, que é o que queremos que te leves.
Enlaces de afiliado: se compras a través deles podemos levarnos unha pequena comisión, sen custo para ti. A análise é independente.
A sorpresa está nos filtros
Imos directos ao caro, que ademais é o que peor documentado está.
Se traballas sen saída de fume ao exterior necesitas o AP2 Max, e o AP2 Max ten seis capas de filtro que se venden por separado:
| Capa | Prezo (sen IVA) |
|---|---|
| Prefiltro | 83,00 € |
| Filtro de eficiencia media | 99,00 € |
| Capa de carbón activo | 141,00 € |
| Malla de carbón ultradensa | 108,00 € |
| Filtro de formaldehído | 141,00 € |
| Filtro HEPA | 99,00 € |
| Xogo completo | 671,00 € (≈ 812 € con IVA) |
Publicamos o desglose por capas porque non o atopamos en galego en ningún sitio, e porque cambia a conversa. No foro de propietarios circula a cifra de "uns mil dólares o xogo completo", que asusta bastante máis que a realidade europea. O número real aquí é 671 € sen IVA, e ademais non tes por que cambialo enteiro: as capas saturanse a ritmos distintos, e se o prefiltro é o que está negro, é o prefiltro o que cambias, por 83 €.
Os filtros de recambio do AP2 Max están dispoñibles soltos por esa mesma razón.
O detalle que che fai tirar diñeiro
Xa o contamos noutros artigos e aquí é onde se converte en euros: o AP2 Max calcula a vida dos filtros por tempo de funcionamento, non por traballo feito. Mesmo cando o deixas acendido en modo manual sen estar cortando nada.
Traducido a diñeiro: cada hora que o purificador xira en baleiro está gastando unha fracción deses 671 €. É o consello máis rendible de todo este artigo: apágao en canto remates, co par de minutos de marxe que fan falta para que non cheire ao abrir a tapa, e nin un máis.
A outra cara, que quita ansiedade: os estimadores son orientativos. O equipo segue funcionando aínda que calcule que a vida do filtro rematou. Non che bloquea nin che obriga a comprar. Cando de verdade hai que cambiar un filtro, nótao porque volve a cheirar.
O tubo láser: o consumible do que ninguén fala
O tubo de CO₂ é o corazón da máquina —a peza que xera o feixe— e non dura para sempre: vai gastándose co uso. É, con diferenza, o que máis medo dá ao comprar un láser deste tipo. Imos quitar ese medo con datos.
| Concepto | Valor |
|---|---|
| Vida útil estimada | ~10.000 horas |
| É substituíble? | Si, cómprao solto e substitúese |
| Tubo láser de 80 W de recambio | 341,90 € sen IVA (413,70 € con IVA) |
| Custo por hora de tubo | ≈ 0,034 € |
Comecemos polo primeiro e máis importante: o tubo é unha peza substituíble. Non é unha máquina de usar e tirar; cando o tubo chega ao final da súa vida, cómprao solto e cámbiao. A súa vida estimada é de 10.000 horas, e para dimensionalo: a nosa máquina, despois de dez meses de produción, vai por pouco máis de 400 horas de láser. A ese ritmo, falamos dunha peza que cambiaremos dentro de moitos anos.
O mellor do tubo: avísache antes de morrer
Isto é o que de verdade tranquiliza, e é un punto a favor do deseño que case ninguén explica. O tubo non morre dun día para outro. Non é que un martes pola mañá acendas a máquina e non funcione. Conforme se achega ao final da súa vida útil, vas notando como a potencia da máquina decrece pouco a pouco: un material que antes cortabas á primeira comeza a pedirche unha pasada máis, un gravado sae algo máis frouxo. Vaiche facendo saber con tempo de sobra.
Na práctica, iso significa que tes marxe para planificar o recambio en lugar de sufrir unha parada sorpresa en plena tempada. Para un negocio, esa diferenza —degradación gradual e avisada, en vez de fallo súbito— vale tanto como o prezo do propio tubo.
E en diñeiro, non é o fantasma que temías
Tres céntimos e medio por hora. Cando vimos ese número por primeira vez quitounos un peso das costas. Con 10.000 horas de vida e 341,90 € de recambio, o tubo non é un problema económico: é unha peza que cambiarás dentro de moitos anos e que custa menos que dous xogos de filtros.
Podes mercar o tubo de reposto no catálogo da marca cando chegue o momento. Non é unha compra que haxa que anticipar: xa che avisará a propia máquina.
O resto do catálogo, para que o teñas xunto
| Produto | Prezo (sen IVA) |
|---|---|
| xTool P3 80 W | 5.824,17 € |
| SafetyPro AP2 / AP2 Max con SuperCyclone | 2.003,00 € |
| Módulo IR 5 W | 690,83 € |
| Mesa con rodas para P3 (a nós veu incluído no bundle) | 366,00 € |
| Tubo láser 80 W de reposto | 341,90 € |
| SafetyPro IF2 2.0 (ventilador en liña) | 166,00 € |
| Alimentador automático | 141,00 € |
| RA3 / RA3 Lite (desde) | 74,00 € |
| Lente para P3 | 49,17 € |
| Pack de mallas de filtro P3 (5 uds) | 26,00 € |
| Módulo Bluetooth AP2 / IF2 | 15,39 € |
O que hai que entender desta táboa
Tres lecturas que a nós nos terían aforrado diñeiro:
1. O purificador non é un accesorio, é un terzo da compra
Dous mil euros sobre uns cinco mil oitocentos de máquina. Se traballas sen ventilación ao exterior —como nós—, o orzamento real de entrada non son 5.800 €, son case 7.800 €, máis o xogo de filtros que chegará tarde ou cedo.
Ese é o número honesto, e é o que hai que poñer na folla de cálculo antes de mercar. Se tes saída ao exterior, o ventilador IF2 son 166 € e aforras a partida enteiro.
2. Os accesorios baratos son os que máis se usan
Fixate na parte de abaixo da táboa. O RA3, desde 74 €, é unha das ferramentas que máis usamos, sobre todo no verán con termos e cristal. A lente, 49 €. As mallas, 26 € as cinco.
A relación entre o que custa un accesorio e o que achega non é proporcional en absoluto. Os tres consumibles máis baratos son os que tocamos cada semana.
3. Os caros son os que hai que pensar
O módulo IR, case 700 €, é o exemplo perfecto e dedicámoslle un artigo enteiro: acabamos mercando un galvo de fibra porque se nos quedaba curto. Non é diñeiro tirado —serviunos para saber canto metal necesitabamos de verdade—, pero se o teu plan é producir metal en serie, ese diñeiro está mellor posto noutro sitio.
Un modelo de custo sinxelo
Se queres unha cifra para a túa folla de cálculo, esta é a forma honesta de montala:
- Tubo: ≈ 0,034 €/hora. Previsible e desprezable.
- Filtros: 671 € por xogo completo, pero a vida depende das horas que teñas o purificador acendido, non das que cortes. É a partida que podes reducir con disciplina.
- Lentes e mallas: unhas decenas de euros ao ano. Ruído de fondo.
- Electricidade: depende da túa tarifa, pero unha máquina deste tipo funcionando de forma continuada non é desprezable na factura.
- Material: con diferenza, o teu maior custo variable — e onde o contrachapado apto para láser se paga só, como contamos en o artigo do chamuscado.
A conclusión que sacamos despois destes meses: o mantemento da P3 é barato salvo polos filtros. E os filtros só son caros se os xestionas mal. Co purificador apagado cando non cortas e cambiando capas soltas en lugar do xogo enteiro, a partida controla.
O custo que case ninguén calcula: a hora de máquina ocupada
Hai unha partida que non aparece en ningunha factura e que nun taller pequeno pesa máis que os filtros: o tempo en que a máquina está ocupada facendo algo que non rende.
Dous exemplos reais nosos, para que se entenda:
- Material inadecuado. O contrachapado de bricolaxe obriga a baixar de uns 40 mm/s a uns 12 mm/s por culpa da cola. Esa chapa barata está custándoche máis do triplo de tempo de máquina. Se a máquina é o teu pescozo de botella en tempada alta, ningunha diferenza de prezo por chapa compensa iso.
- Gravado lento de metal. Cada hora que a P3 está facendo un traballo que outra ferramenta faría nunha fracción, é unha hora que non está cortando madeira, que é onde de verdade rende.
A forma saudable de velo é asignarlle un valor por hora á máquina —o que factura unha hora súa en tempada— e metelo na comparación. En canto o fas, decisións que parecían de aforro véxense como o que son.
E algo parecido pasa coa electricidade. Aquí si podemos darte o dato de partida, porque está na propia etiqueta de características da máquina: 1.700 W de potencia de entrada.
Coidado con como se le esa cifra: é a potencia máxima de entrada, non o consumo medio. A máquina non está tirando 1.700 W de forma continua —o tubo non dispara todo o rato, e o chiller e os ventiladores arrincan e paran—, así que tomalo como consumo real daríache unha factura moi inflada. Como teito para dimensionar a instalación eléctrica, en cambio, é exactamente o número que necesitas: 1.700 W nunha liña doméstica de 230 V son uns 7,4 A só para o láser, sen contar o purificador. Se vas enchufar as dúas cousas no mesmo circuíto con outras cargas, cóntao antes de que salte o diferencial a metade dun traballo de tres horas.
Para o custo real, multiplica as horas que a teñas acendida pola túa tarifa e aplica un factor de uso; nós non temos unha medición propia con pinza amperimétrica, así que non imos inventar un porcentaxe.
O que non custa diñeiro pero si tempo
Para pechar o cadro completo, porque un custo que non aparece en ningunha factura segue sendo un custo: a limpeza. É sinxela —dous parafusos e un bastonciño con alcohol para a lente— e convértese en rutina rápido. Está detallado en o artigo de mantemento.
Se tivésemos que resumir a resposta a "¿cando custa de verdade manter unha P3?" nunha frase: menos do que temíamos, sempre que non deixes o purificador acendido de máis.
O elefante na habitación: ¿compensa o sobreprezo?
Non imos esquivalo, porque é a primeira obxección de calquera: a P3 é máis cara que outros láseres CO₂ de 80 W. É un feito, non hai debate. A pregunta honesta non é se é máis cara, senón se ese sobreprezo che devolve algo. No noso caso, si, e por razóns moi concretas.
Nós aterramos na P3 sen ningunha experiencia nun láser de gran tamaño: viñamos dun galvo de 30 × 30, non sabiamos nada de calibrar un camiño óptico nin de tubos. O salto daba respecto. E con todo, unha vez colocada fisicamente, calibramos o camiño óptico coa axuda visual da app e unha hora despois estabamos producindo. Ese "de cero a producir nunha tarde", para dúas persoas que nunca tocaran unha máquina así, é parte do que pagas.
O resto puxo o tempo: resultou ser unha máquina fiable, que non precisou mantemento extra, e cun soporte que responde nas poucas horas de escribirlles —nalgúns casos directamente polo chat, en cuestión de minutos—. E isto dicímolo con criterio, non ás cegas: temos experiencia con outras marcas coñecidas de láser fabricadas en China, e o seu soporte non estivo á altura do de xTool.
Posto na balanza, o custo extra non é unha barbaridade, e compénsanos economicamente sentirnos respaldados, que é exactamente o que veu pasando. Cando a máquina é a que factura, saber que se algo se torce hai alguén ao outro lado en horas —e non en semanas— é unha liña máis do orzamento, e das que mellor se amortizan.
Un exemplo pequeno pero revelador dese respaldo: houbo un elemento de mantemento —un filtro lateral— que ao principio nin sequera aparecía nas instrucións. Cando xTool o incorporou, mandáronnos o reposto gratis, sen que o pedísemos. Son detalles que non saen en ningunha ficha de custo, pero que definen como é convivir cunha marca a longo prazo.
O gasto que si recomendamos engadir: o soporte estendido
E xa que falamos de respaldo, imos cunha recomendación de gasto que a moita xente lle soa raro e que nós defendemos sen dúbida: contratamos o soporte estendido, e volveriamos facelo.
Aquí Javi tira da súa outra vida profesional. Vén do mundo dos servidores e os equipos de datacenter, onde o mantemento estendido non é un extra opcional que che intentan colar: é o normal. Cando unha máquina é a túa ferramenta de traballo, queres exactamente dúas cousas, e as queres garantidas: respostas rápidas e pezas de substitución dispoñibles cando as necesites. Nun entorno profesional iso non se deixa ao azar.
Trasladado á P3, o razoamento é idéntico. Por un porcentaxe do custo da máquina —non unha segunda máquina, un porcentaxe— compras tranquilidade para o teu negocio: que se un día o equipo que che dá de comer para, non dependes da boa vontade nin dos prazos estándar. Para un afeccionado quizais non compense. Para quen factura coa máquina, é dos seguros que mellor se entenden.
Escriben Noemi e Javi, de Picasita. Somos afiliados de xTool e o noso taller é un espazo de demostración da marca; a nosa P3 comprámola pagándoa o día que saíu á venda. Máis sobre este blog e a nosa relación con xTool.
0 comentarios