Lanzas un corte na xTool P3, a máquina remata… e o material non se separou completamente: a peza segue unida por algún punto ou directamente non atravesou. O reflexo é subir a potencia ou pasar dúas veces. Case sempre hai unha resposta mellor e menos agresiva: é cuestión de enfoque. E se o problema vai máis alá, de aliñamento do feixe.
Esta guía reúne e adapta ao galego dous apartados da documentación de xTool para a P3: cortar materiais grosos e a calibración do camiño óptico.
Primeiro o enfoque, non a potencia
Un láser corta mellor cando o punto de enfoque está no sitio correcto dentro do material, non na súa superficie. Con materiais grosos, o enfoque por defecto queda curto e o feixe perde enerxía antes de atravesar. Antes de tocar potencia e velocidade, proba estas dúas ferramentas da P3:
- A función "Baixar o foco" (Lower the Focus). Despraza o punto de enfoque cara abaixo, dentro do grosor do material, para que a parte baixa do corte reciba tamén enerxía suficiente. É o primeiro recurso para grosor.
- A lente de enfoque "L" (L Focus Lens). É unha lente pensada especificamente para cortar material groso: ten unha distancia focal maior e un feixe máis longo e estreito en profundidade, o que axuda a atravesar espesores que a lente estándar non chega a cortar limpo.
xTool ten guías de configuración detalladas para ambas —como activar "Baixar o foco" e como montar e calibrar a lente L—; enlazamos o seu centro de soporte ao final para o paso a paso co teu firmware.
E comproba o aire
Antes de dar por feito que é potencia, lembra que un caudal de aire insuficiente tamén deixa cortes incompletos e bordos queimados: o fume non se afasta e o feixe chega sucio. Se ademais de non atravesar che sae o bordo amarelo, comeza por aí —cubrímo-lo en a guía do corte que amarelea—, porque o aire e o enfoque son os dous sospeitosos dun corte que non remata.
Cando o problema é o feixe: calibrar o camiño óptico
Se o corte sae incompleto de forma xeral, non só en material groso, e sobre todo se notas algún destes síntomas, o asunto xa non é enfoque senón aliñamento do feixe (calibración do camiño óptico):
- Cortes incompletos en materiais que antes cortaba sen problema.
- O gravado sae con liñas máis grosas do normal (sinal de que o feixe non está ben centrado).
- Acabas de substituír espellos ou o tubo láser.
Nun láser de CO₂ como a P3, o feixe rebota en varios espellos antes de chegar á lente. Se eses espellos non están perfectamente aliñados, parte da enerxía pérdese polo camiño e a máquina deixa de render a plena potencia, aínda que o axuste diga 100 %. A calibración do camiño óptico devolve o feixe ao seu percorrido correcto.
É un procedemento delicado e con pasos precisos: xTool publica unha guía en vídeo e unha guía paso a paso oficiais para facelo con seguridade. Non o mellores "a ollo": segue o procedemento da marca (enlazámolo abaixo). Se acabas de cambiar espellos ou tubo, esta calibración non é opcional, é o paso que falta para que a máquina volva cortar como antes.
Preguntas frecuentes
¿Subo a potencia ou baixo o foco?
Proba primeiro a baixar o foco (e a usar a lente L en grosor). Subir a potencia a tope queima máis o material e desgasta antes o tubo, e moitas veces non era o problema. O enfoque correcto corta máis limpo con menos potencia.
¿Cando toca lente L e cando a estándar?
A estándar vai ben para a maioría do traballo fino e de espesores medios. A lente L é para cando cortas material claramente groso e a estándar non chega. Non é "mellor" en xeral: é específica para grosor.
Cambiei o tubo e agora corta peor. ¿Por que?
Casi seguro é aliñamento. Ao cambiar tubo ou espellos, o feixe descolócase e hai que recalibrar o camiño óptico. É esperable; segue a guía oficial de calibración e recuperarás o rendemento.
Escriben Noemi e Javi, de Picasita. Usamos unha xTool P3 en produción desde outubro de 2025; somos afiliados de xTool. Esta guía adapta a documentación oficial da marca; o orixinal está no seu centro de soporte. Máis tutoriais e solucións.
0 comentarios