Lanzas un traballo na xTool P3 e, en vez de comezar a cortar, escoitas o golpe: a boquilla de aire arrastra ou choca contra o material. Ás veces móveo de sitio e estraga a peza; outras veces só roza, e ese rozamento deixa marcas que custa máis quitar que o propio golpe. Case nunca é a máquina: é a medición de distancia, a altura real do material ou unha peza que se levantou a metade do corte.
Esta guía adapta ao galego a documentación de soporte de xTool sobre colisións da boquilla na P3, cos casos concretos que nos atopamos nós en produción.
De onde vén o golpe
A P3 mide a distancia ao material antes de procesar e baixa o cabezal á altura de traballo. Se esa medición sae mal —ou se o material cambia de altura durante o traballo—, o cabezal baixa máis do que debe e a boquilla lévase a peza por diante. As causas agrúpanse en catro:
- Medición mal tomada: o punto de medición cae sobre unha ranura, un oco do deseño ou un resto de material.
- O material engana ao sensor: superficies transparentes, alturas desiguais ou pezas curvas.
- O material móvese durante o traballo: recortes que se soltan e se levantan, ou taboleiros que arquean.
- O sensor está descalibrado: a causa menos frecuente, e hai unha forma de comprobala antes de abrir un ticket.
No noso taller os dous casos que se repiten son o terceiro: pezas pequenas que se levantan ao rematar de cortarse e contrachapado combado. Os dous teñen solución de taller e ningún necesita soporte.
Que a medición se tome onde debe
Antes de nada, mira onde está a medir a máquina:
- A zona de orixe limpa. O punto de referencia da medición está nas ranuras dos listóns (slats) da zona de orixe. Se alí hai un recorte, serrín apelmazado ou un anaco de material caído, a medición sae falseada. Retírao antes de lanzar nada.
- O material non debe tapar esas ranuras. Se a peza é tan ancha que cobre a referencia, a medición fallará ou dará unha desviación grande. Nese caso, cambia a modo manual e introduce a distancia a man.
- O punto de medición non pode caer nun oco. Se mide xusto sobre unha zona calada ou un burato do deseño, a lectura non vale. Mide sobre unha parte sólida, ou pega un anaco de cinta de carrocero sobre o oco, mide enriba e retíraa despois.
Materiais que enganan ao sensor
Transparentes. A P3 non mide ben materiais transparentes: o sensor atravesa a capa superior e mide contra o fondo, así que a lectura sae moito máis baixa do real e o cabezal baixa de máis. A solución é a de sempre: cinta de carrocero sobre a superficie antes de medir. Se traballas metacrilato, isto non é opcional.
Alturas desiguais. O modo de plataforma elevadora asume que todo o material ten a mesma altura. Se metes pezas con máis de 3 mm de diferenza entre elas, as máis altas levan o golpe. Nivélaas ou procésaas en quendas separadas.
Pezas curvas. Para obxectos non planos, selecciona o modo de material curvo en xTool Studio en vez de medir como se fora un taboleiro.
Folga antes de medir. Comproba a ollo que a superficie do material non queda máis alta que a parte baixa da boquilla. Se o está, baixa a plataforma coa roda ata deixar polo menos 4 mm de separación antes de lanzar a medición.
Pezas que se levantan ao cortar
Este é o que máis nos pasa, e é traizoeiro porque a medición era correcta: o problema aparece a metade do traballo. Cando un recorte pequeno remata de cortarse, cae, inclínase e queda de canto asomando por riba do plano. O cabezal, que xa vai á súa altura, lévao por diante na seguinte pasada.
O que funciona:
- Pontes (tabs) no deseño. A solución de fondo: deixar micro-unións que suxeiten a peza ata o final do traballo e rompelas a man despois. É o primeiro que hai que probar en pezas pequenas.
- Panel de niño de abella en lugar de listóns cando o traballo son moitos recortes pequenos. O honeycomb non deixa que a peza se cuele e se poña de canto.
- Listóns de apoio extra baixo a zona de corte, para reducir a luz pola que pode caer a peza.
O outro caso noso é o contrachapado combado. Un taboleiro que arquea sobe polo centro ou polos bordos varios milímetros respecto de onde se mediu. Aquí o que resolve é suxeición mecánica: imáns ou pisadores nas esquinas, e se o taboleiro vén moi arqueado, medir na zona máis alta e non na máis baixa. Un taboleiro combado ademais corta de forma desigual, así que suxeitalo ben arranxa dous problemas á vez.
O outro dano do roce: a boquilla sucia mancha
Con materiais moi combados —contrachapado, sobre todo— hai que asumir unha cousa: o roce da boquilla contra a superficie non é un risco, é un feito. Nas zonas que quedan máis altas, a boquilla vai pasar rozando aínda que a medición fose correcta e aínda que nunca chegue a haber un golpe seco.
E aí aparece un dano do que ninguén avisa. Despois de traballos longos de gravado ou de corte, a boquilla acumula residuo pegajoso: fume condensado, resina, restos do material. Cando esa boquilla sucia roza a parte alta dun taboleiro combado, non o raba: mancha. Quedan trazos escuros, moi semellantes a marcas de rotulador, e son bastante difíciles de quitar despois —sobre todo en madeira sen selar, onde o residuo penetra.
Así que o risco real con material combado son dúas cousas, non unha: que a peza se mova polo golpe, e que che saia manchada sen que a máquina fixese nada «mal». O que o evita:
- Limpia a boquilla con frecuencia, e moi especialmente antes dun traballo sobre material que sabes que non está plano. É un minuto e afórrache tirar a peza.
- Aplanar ou suxeitar o taboleiro de verdade, non só apoialo: canto menos sobresae a zona alta, menos superficie de roce.
- Enmascarar con cinta de carrocero as zonas que sabes que van altas. Se hai roce, a mancha queda na cinta.
En rotativo
Co accesorio rotativo, asegúrate de que a máquina mide sobre o punto máis alto da superficie do cilindro. Se mide no lateral da peza, a lectura é menor que a altura real da xeratriz superior e a boquilla golpea en canto o cabezal pasa polo centro.
Quitar a boquilla en traballos de só gravado
Se un traballo é só gravado en todas as súas capas, podes retirar o conxunto da boquilla de aire. Gañas folgura vertical e eliminas por completo a posibilidade de golpe. Nós facémolo de forma habitual.
E aquí vén o problema real que non conta o manual: os traballos mixtos. Nunha peza que leva capas de gravado e despois o corte, a boquilla ten que estar posta para cortar. O que pasa na práctica é que non sempre te lembras de deshabilitar a capa de corte antes de lanzar o gravado sen boquilla, e o traballo encadea directo ao corte sen ela.
O ideal sería un axuste que permitise pausar o traballo entre o gravado e o corte, poñer a boquilla e reanudar. Esa mesma pausa serviría para outra cousa que facemos moito: aplicar cinta de carrocero antes do corte, cando o gravado xa está feito sobre o substrato —así protexes a superficie da salpicadura do corte sen que a cinta che estorbe ao gravar—. Hoxe por hoxe non existe, así que a rutina é partir o traballo en dous arquivos: un de gravado e outro de corte. Menos cómodo, pero é o que evita o golpe.
(Se che interesa o porqué da cinta antes do corte, contámolo con máis detalle na guía de puntos extra e salpicadura.)
Comprobar se o sensor está descalibrado
Se descartaches todo o anterior, toca verificar o sensor. En xTool Studio, selecciona procesado con plataforma elevadora e lanza a medición sobre un material plano. Despois mide a man cunha regra a distancia entre a parte baixa do módulo láser e a superficie do material, e comproba que se cumpre:
- Valor de distancia introducido (mm) = distancia medida a man − 30 mm, cunha tolerancia aceptable de ±1,5 mm.
Se coincide, o sensor está ben e o problema é de operación: volve repasar os puntos anteriores. Se non coincide, o módulo de medición está descalibrado e iso xa é cousa de soporte: grava un vídeo do proceso de medición e da colisión, e ten á man o número de serie e o rexistro de traballo exportado. Se o ticket se atasca, pódese escalar polo seu Discord.
Preguntas frecuentes
¿Podo traballar sempre sen a boquilla e esquecerme do problema?
Non. En gravado si, pero en corte a boquilla é a que dirixe o aire de asistencia ao punto de traballo, e sen ela o canto sairá amarelo ou queimado. É exactamente o problema que explicamos en o corte que amarelea: sen aire ben dirixido, non hai corte limpo.
Sáenme trazos escuros, coma de rotulador, sen que houbera golpe. ¿Que é?
É a boquilla sucia rozando as zonas altas dun material curvado. O residuo pegajoso que acumula tras traballos longos transfírese ao substrato e deixa esas marcas, que en madeira sen selar custa bastante quitar. Limpa a boquilla antes de traballar material que non estea plano, e enmascara con cinta as zonas que saibas que van altas.
A medición sae ben pero o golpe ocorre igual, ¿que miro?
Se a lectura era correcta ao comezar, o material cambiou de altura durante o traballo. É dicir: peza que se levantou ao cortarse, ou taboleiro que se curvou co calor. Tabs, niño de abella ou suxeición mecánica.
¿E con metacrilato ou materiais con film transparente?
Cinta de carrocero sobre a zona onde vai medir, sempre. O sensor mide a través da capa transparente e dá unha altura falsa. É a causa número un de golpes en materiais laminados.
¿Cada canto hai que recalibrar o sensor de distancia?
Non é un mantemento periódico. Comprobao coa fórmula só se descartaches o resto de causas; se o resultado entra dentro de ±1,5 mm, non hai nada que tocar.
Escriben Noemi e Javi, de Picasita. Usamos unha xTool P3 en produción desde outubro de 2025; somos afiliados de xTool. Esta guía adapta a documentación oficial da marca; o orixinal está no seu centro de soporte. Máis tutoriais e solucións.
0 comentarios