Actualización do 2 de outubro de 2026: a nosa Dual UV xa foi recibida e está operativa. O calendario e as capturas seguintes conservan o historial da espera. Contamos a montaxe e os primeiros resultados nas nosas primeiras impresións coa O1 Omni.
Despois de meses de datas que se movían, xTool publicou hoxe algo distinto dun «axiña»: un calendario con dúas semanas concretas e unha foto dos palés. As máquinas existen, están embaladas e a primeira remesa vai camiño de Europa.
Nós seguimos esperando a nosa, así que isto non é unha reseña. É o que di o comunicado, o que non di e que significa para quen xa pagou.

Os palés da primeira remesa. Nas caixas lese «O1 Omni Printer · Dual UV», que é a versión que temos pedida. Foto: xTool, publicada na súa canle oficial o 4 de agosto de 2026.
Ligazóns de afiliación: se compras a través delas, podemos levar unha pequena comisión, sen custo para ti. A análise é independente.
As dúas datas
O comunicado está asinado pola conta oficial de xTool na súa comunidade e dá dous obxectivos distintos segundo a rexión:
- Estados Unidos: a semana do 15 de agosto para que a primeira remesa comece a saír do almacén local.
- Europa: a semana do 24 de agosto, porque contan con que a aduana e as posibles inspeccións leven algúns días máis.
Canadá tamén entra o día 15, pero ese dato non está no comunicado: engadiuno o propio autor nun comentario posterior, e no fío houbo máis dunha queixa precisamente por deixalo fóra do texto principal.
O que significa «comeza a saír do almacén»
Aquí convén frear, porque a diferenza entre as dúas interpretacións é de semanas.
A semana do 24 non é unha data de entrega. É cando xTool espera comezar a mover, desde o seu almacén europeo, as unidades da primeira remesa. Antes ten que chegar o barco, pasar a aduana e descargarse. Despois comeza o reparto normal de calquera pedido, co seu transportista e a súa quenda.
E, sobre todo: ninguén dixo que o teu pedido estea nesa primeira remesa. xTool di literalmente que enviará novas remesas cada semana e que publicará un calendario detallado por data do pedido e remesa de produción cando teña confirmada a capacidade de produción. Ese calendario é o dato que realmente falta.
É un atraso e un adianto á vez
Depende de con que o compares, e as dúas comparacións son certas.
En comparación co que xTool comunicara —principios de agosto—, isto chega tarde. Recoñéceno no propio texto e piden desculpas, atribuíndo o desfasamento á aduana e ao procesamento nos almacéns locais.
En comparación co que se dicía na comunidade hai tres semanas, é un adianto considerable. En xullo circulaba que a versión téxtil non chegaría ata finais de outubro, e nós mesmos recollémolo indicando que procedía da comunidade. O calendario oficial déixao sen sentido: era pesimismo, non información.
Cantas máquinas e por que importa
O comunicado dá unha cifra que axuda a interpretar o resto: esperan ter máis de mil unidades nos seus almacéns locais a finais de agosto, con remesas saíndo cada semana.
Esa cifra é a que fai crible o calendario. Mil unidades non cobren toda a preventa —o propio texto fala dunha demanda que superou as súas previsións e de provedores e liñas de produción engadidos para responder—, pero descarta o escenario que máis medo daba: o das dez unidades para os probadores beta e o resto en Nadal.
Que cambia para nós
Temos pagada enteira unha Dual UV Versatile e seguimos sen máquina, igual que a semana pasada. O que cambia é o calendario do que vén despois.
Tiñamos previsto para outubro o que só se pode escribir coa máquina diante: o unboxing sen épica, as primeiras horas reais, os parámetros por material que funcionan de verdade e —isto é o que realmente nos interesa— o fluxo de imprimir na Omni e cortar na P3. Se a primeira remesa europea sae a semana do 24 e o noso pedido entra axiña, iso adiántase a setembro.
Mentres non estea aquí, seguimos coa mesma norma que nos dez artigos anteriores: o que contamos sobre o funcionamento vai atribuído a xTool, a un probador beta con nome ou á comunidade. Cando a teñamos, notarase sen necesidade de anuncialo.
Como comprobalo ti
Actualización do 12 de agosto de 2026: xTool xa abriu un comprobador individual do envío da O1 Omni. Require iniciar sesión, mostra os pedidos asociados á conta e actualízase unha vez por semana.

Estado real do noso pedido Dual UV: datos do 11 de agosto, data de envío aínda sen confirmar e seguinte actualización anunciada para o 18 de agosto de 2026. Ocultamos parte do número de pedido.
Esta ferramenta substitúe a espera xenérica por un dato asociado a cada compra, pero non asigna automaticamente unha data. No noso caso aparece un guión en «Estimated shipping date» e a mensaxe de que a data aínda non está confirmada. Por iso non podemos dicir que a nosa máquina pertenza á primeira remesa europea.
Se tes un pedido, hai tres cousas que podes facer esta semana. Unha: confirmar que tes o pagamento final completado, porque a orde de envío comunicouse polo momento en que se completa o pagamento, non por cando se deixou o depósito. Dúas: entrar no comprobador coa mesma conta que utilizaches para mercar. Tres: se xa recibiches unha notificación de expedición, usar o seguimento do transportista, que é máis recente ca esta páxina semanal.
E se estabas esperando a que a máquina existise para decidir: xa hai palés. Iso non responde a como imprime, que é a pregunta importante, e esa responderémola cando poidamos facelo coa nosa.
0 comentarios